Zenón «o deslinguado»

De Zenón de Elea (ca. 490-430 a.e) cóntanse moitas cousas. Dióxenes Laercio, no apartado que lle dedica na súa Vidas dos filósofos, compila algunhas historias de diferente procedencia. No que parece haber acordo é en admitir que era discípulo de Parménides, sospeitándose que tamén fóra o seu erúmeno, esa posición na relación erótica pederástica traducida ao español por Ortiz e Sanz co termo bardaja (DRAE: «sodomita paciente»).

Hai aspectos da súa biografía que redundan na intrigante participación dos órganos sensoriais: orellas, nariz, lingua… e sempre en relación co empeño do filósofo por derrocar ao tirano de Elea, Nearco. Disque tras ser arrestado por este e interrogado pra descubrir aos seus cómplices, pediulle ao tirano que achegara a súa orella pra revelarllo en segredo, aproveitando a ocasión pra agarrarlle a orella cos dentes, aínda que outros din que lle arrincou o nariz dunha trabada. Noutra versión cóntase que, tras ter implicado a todos os amigos do tirano como cómplices da conxura e ser interrogado por algún outro non mencionado, Zenón respondeu: Ti mesmo, destrución da cidade!

Daquela, dirixíndose a todos os cidadáns presentes, espetoulles: Abráiame a vosa covardía, pois soportades a tiranía por medo ao que eu estou padecendo. Logo, cortándose a lingua cos dentes, cuspiulla ao tirano na cara. O seu xesto conmoveu tanto á concorrencia que, decontado, lapidaron ao tirano.

Non deixa de ser irónico que perdese a lingua aquel a quen Aristóteles consideraba o inventor da dialéctica. Lémbranos aquelas chamadas «eivas cualificantes» da mitoloxía, onde a perda dun membro ou órgano ás veces figura a sobrecualificación do personaxe na calidade ou virtude asociada ao membro perdido: a xenerosidade como virtude do manco, a videncia como poder do cego, ou a calidade dos coxos como grandes camiñantes.

Vidas, opiniones y sentencias de los filósofos más ilustres. Tomo I. Luis Navarro, Editor. Madrid, 1887 (trad. de José Ortiz y Sanz)

En Liña: Zenón. http://www.cervantesvirtual.com/servlet/SirveObras/12140528718935940987213/ima0549.htm

Deja un comentario