O Museo Histórico de Berna recolle a exposición dos restos arqueolóxicos procedentes dun santuario helvético-romano na localidade Allendingen (ao sur de Thun —do celta «Dunun», cidade fortificada—, no mesmo Cantón de Berna).
O santuario, no que teñen aparecido capelas, epígrafes e numerosos exvotos, situábase ao pé dos Alpes, nun característico encrave fronteirizo ou lugar de paso entre diferentes nichos ecolóxicos: a chaira suíza e o mundo alpino.
O complexo ocupaba ata 6000 m² e comprendía polo menos 7 edificios cultuais ademais doutras construcións, e un muro perimetral. Tivo unha vixencia de 4 séculos, entre o I e IV.
Dadas as súas características e localización, todo indica que se trataba dun santuario supra-local dentro da regio Lindensis, a rexión dos lagos do Oberland bernés, documentada epigraficamente con ese nome. A un nivel máis local da organización helvético-romana, o santuario localizábase no territorio da Civitas Helvetiorum «cidade dos Helvecios», con capital en Aventicum (Avenches).



Sobre os cultos
Como en todo santuario indíxeno-romano, estes lugares sagrados adoitan acoller diversos cultos de alcance diverso: locais, cívicos, rexionais, provinciais, imperiais… Practícanse cultos sincréticos, nos que se mesturan crenzas indíxenas con romanas. Ese sincretismo faise moi evidente na iconografía de época romana, pois é daquela cando a imaxinería relixiosa fai acto de presenza, de modo xeneralizado, entre os pobos celto-xermánicos.
Un dos exemplos helvecios máis coñecidos é a imaxe da deusa Artio, unha deusa celta que leva tanto no seu nome «artio», como na súa iconografía, a figura do oso. Tamén temos o seu pequeno grupo escultórico de bronce no Museo Histórico de Berna, onde a deusa aparece parcialmente caracterizada como unha nai nutricia latina, coa súa pátera e os seus froitos no colo, ao xeito dunha cornucopia (o corno da abundancia). Mais, o que a distingue como deusa céltica, é terse acompañado dun grande oso, símbolo da realeza e da capacidade rexeneradora da natureza e da orde cósmica, o que representa precisamente un animal que renace cada primavera despois da hibernación.

Volvendo ao santuario alpino, os restos arqueolóxicos apareceron accidentalmente no século XIX durante o arado daqueles terreos, tralo cal se efectuaron unhas primeiras escavacións entre 1824/25, e máis tarde no ano 1926, cando apareceu unha estatuíña de mármore acompañada de numerosos exvotos e máis un grande pedestal que logo comentaremos.
A estatuíña, datada na primeira metado do s. III, representa unha divindade feminina ataviada con túnica e manto, e máis cun polos ou sombreiro alto. Leva na man dereita unha mada de espigas de cereal, o hastil dun remo na esquerda e outro remo máis curto, coa súa pá, apoiado no flanco traseiro. Algúns destes atributos caracterizan á nosa deusa como unha Annona, deusa romana provedora de cereal, cuxa provisión probablemente se efectuase a través de rutas fluviais postas baixo a súa protección, a xulgar polos remos que a acompañan.

De feito, eses remos puxéronse en relación cunha epígrafe localizada no foro de Aventicum, no que se menciona unha corporación de navegantes acompañados dos nomes dos ríos da rexión. Ese gremio puido ter ofrecido a estatuíña ao santuario de Allmendingen pra honrar á divindade protectora da súa actividade profesional.

Exvotos
Na escavación na que se encontrou esta escultura de Annona apareceron outros moitos exvotos, como os que se ven na imaxe: pequenas figuras de animais (un can e unha pomba), unha pequena Venus, un grupo interpretado como familia de peregrinos, cunchas, moedas, unha lámina de ouro repuxada de forma non identificada…
O museo bernés elaborou unha reconstrución do aspecto que podería presentar a capela que acubillabaría parte destes obxectos.


No resto do espazo ocupado polo santuario teñen aparecido outros restos escultóricos identificados con moi diferentes divindades, sendo datables a maioría das pezas entre comezos e mediados do século II, durante o apoxeo do santuario, aínda que outras poden levarnos ata a primeira metade do s. III.
Apareceron, por exemplo, unha cabeza de Atis, o amante de Cibeles, co seu característico gorro frixio; unha cabeza de bronce de Diana; os fragmentos dunha escultura de tamaño natural dun Xúpiter entronizado; e a peza estrela de todo o conxunto: o pedestal dunha estatua dedicada aos Alpes pola regio Lindensis.
Exvotos epigráficos

Esta inscrición tan breve proporciona importante información. Por un lado, a existencia dunha comunidade de culto en torno a unha área xeográfica, a regio Lindensis (área dos lagos de Thun, bisbarra do Oberland bernés), que tería neste santuario o seu centro relixioso. E, por outra parte, a adxudicación aos Alpes dunhas divindades tutelares homónimas dos montes que habitan, como é común no mundo celta.

Outras epígrafes votivas permiten identificar sen xénero de dúbida outras divindades obxecto de culto. Falamos esta vez dun conxunto de inscricións de teónimos sobre pequenas placas metálicas con forma de machadiño (ou aixadiña), coa epígrafe gravada no hastil ou na folla. Parece tratarse da materialización dunha fórmula ritual latina, sub ascia dedicavit «dedicado baixo o machado», que ou ben pode figurar así escrita, ou ben coas siglas (S.A.D.) xeralmente en monumentos funerarios, aínda que a substitución da fórmula polo gravado da machadiña na pedra, parece unha opción equivalente.
Suponse que con esta fórmula ou gravado se protexía maxicamente a tumba ou a ofrenda así sinalada, poñendo aos deuses mencionados a cargo desa protección e sinalándoos como destinatarios da ofrenda. Os deuses e deusas consignados nestas asciae son Xúpiter, Mercurio, Neptuno, Minerva e as Matres-Matronas.


Como podemos ver, esta regio Lindensis foi unha zona fondamente romanizada dende época imperial, ata tal punto que o grao de sofisticación material acadado en todos os ámbitos é comparable á dos centros urbanos máis romanizados do occidente do Imperio, de cidades augústeas como a Augustodunum gala (Autun) ou a Emerita Augusta hispana (Mérida), aínda que é certo que os materiais aquí comentados con maior atención, poden datarse iconográfica e epigraficamente xa no século III.
Bibliografía
Martin BOSSERT. Die Skulpturen des gallorömischen Tempelbezirkes von Thun-Allmendingen. Berner Lehrmittel- und Medienverlag, 2000 https://www.academia.edu/36058034/Die_Skulpturen_des_gallor%C3%B6mischen_Tempelbezirkes_von_Thun_Allmendingen